03 Mai Hestia Alliance advirte dos riscos da automedicación contra a ansiedade
Hestia Alliance continúa profundando sobre as mellores pautas para a xestión emocional da situación creada polo impacto do corononavirus e sobre as medidas aprobadas para conter a pandemia. Nesta ocasión, o Servizo de Saúde Mental do Grupo quere facer fincapé sobre os riscos da automedicación nun momento no que a ansiedade cobra protagonismo e faino da man da doutora Amaia Jamijyan, psiquiatra en Hestia Duran i Reynals, nun vídeo ao que podes acceder desde esta ligazón e lendo esta entrada.
A ansiedade é unha emoción natural que xorde cando nos atopamos sometidos a unha situación descoñecida, que percibimos como unha ameaza para nós ou para os nosos seres queridos ou en situacións de sobrecarga. Aínda que é unha reacción adaptativa que mellora o rendemento para superar estas situacións, cando é demasiado intensa ou prolongada no tempo, pode converterse en desadaptativa e interferir no noso benestar. Neste estado de alarma por Covid-19, estamos a vivir situacións que nos producen moita ansiedade.
A ansiedade patolóxica trátase con terapia psicolóxica, terapia farmacolóxica ou cunha combinación de ambas. Os medicamentos máis utilizados para tratar a ansiedade son os antidepresivos inhibidores selectivos da recaptación da serotonina (ISRS) e as benzodiazepinas. O consumo de benzodiazepinas ao noso arredor é moi elevado, mesmo entre as persoas maiores, xa que teñen indicación como ansiolíticos, hipnóticos, relaxantes musculares e anticonvulsivantes.
Diazepam, alprazolam, clonazepam, lorazepam… Valium, Trankimazin, Rivotril, Orfidal… son benzodiazepinas coñecidas por gran parte da poboación. A relativa facilidade de acceso (por receita propia ou de alguén próximo) e a rapidez de acción (mellora a ansiedade en minutos) converten as benzodiazepinas en substancias das que se pode facer un mal uso ou un abuso.
A automedicación é unha opción que non debería considerarse nunca. O uso prolongado de benzodiazepinas leva consigo risco de tolerancia, dependencia e efectos secundarios que poden ser graves.
- Tolerancia: perda progresiva de efectividade, que supón ter que aumentar a dose de benzodiazepina para conseguir o efecto buscado.
- Dependencia: necesidade imperativa de tomar a benzodiazepina, adicción. Un terzo das persoas que toman benzodiazepinas durante máis de un mes poden desenvolver un certo grao de dependencia. A interrupción brusca do consumo de benzodiazepinas nunha persoa na que desenvolveu unha dependencia leva consigo a instauración dunha síndrome de abstinencia, cun conxunto de síntomas que van desde a ansiedade, a irritabilidade ou o insomnio, até ás alucinacións, convulsións e, mesmo, a morte.
- Efectos secundarios graves: somnolencia, aumento do risco de caídas (sobre todo en anciáns), alteracións da memoria, da atención e da concentración.
Información de interese na nosa web e na nosa canle de YouTube
Ademais do vídeo sobre o abuso das benzodiazepinas, Hestia Alliance está a publicar contidos de interese para pacientes, residentes, usuarios, familias e profesionais co fin de ofrecer pautas para unha mellor xestión física e emocional da pandemia da Covid-19. Podes atopalos na nosa web e na canle de YouTube do Grupo Hestia.
Sen comentarios