Cataluña traballa no Pacto Nacional de Saúde

Cataluña traballa no Pacto Nacional de Saúde

Coa primeira reunión plenaria, celebrada o pasado 2 de xuño no Espai Bital de L’Hospitalet de Llobregat, puxéronse en marcha os traballos para a redacción do Pacto Nacional de Saúde, «o instrumento clave para blindar o sistema de saúde, o seu financiamento e abordar os retos de presente e de futuro», en palabras de Manel Balsells, conselleiro de Salut de Cataluña, que presidiu a sesión.

Segundo a información facilitada pola Generalitat, a reunión plenaria convocou a membros do Govern, representantes de entidades cidadás, grupos parlamentarios, organizacións sanitarias, corporacións profesionais, sindicatos, sociedades do coñecemento e entidades municipalistas. Durante a mesma, a responsable do Pacto Nacional de Saúde, Yolanda Lejardi, presentou a orientación e o cronograma do Pacto, que se desenvolverá en catro fases.

Neste sentido, na fase 1, entre xuño e novembro deste ano, definirase o documento de bases, a partir do traballo do grupo de expertos; na 2, entre xaneiro e marzo de 2024, terá lugar o proceso participativo; na 3, entre abril e maio, definirase o pacto e selarase o acordo, e, por último, na fase 4, prevista para xuño de 2024, presentarase en plenario o Pacto Nacional de Saúde.

Así mesmo, durante a sesión creáronse os diferentes grupos de expertos que traballarán en sete grandes ámbitos: o sistema de saúde, os profesionais, a sostibilidade, a gobernanza, a investigación e a innovación, a avaliación e, en último lugar, a transformación dixital. Este traballo comezará cunha serie de entrevistas programadas este mes e no mes de xullo, mentres que se traballará en grupo entre setembro e novembro para a redacción dos documentos de bases.

+info: https://salutweb.gencat.cat/ca/el_departament/pacte-nacional-salut/

Sen comentarios

Publicar un comentario