06 Nov Hospital de Día Hestia Palau, 20 anos de éxito asistencial
Paz, comprensión, estabilidade, liberación, autoestima, compañeirismo, fogar. Con palabras como estas definen as persoas usuarias o Hospital de Día de Hestia Palau, que este verán celebrou o seu XX aniversario. Este servizo, situado na planta baixa do edificio histórico do Palau de la Mutualitat da antiga “Quinta de Salud la Alianza”, na barcelonesa rúa Sant Antoni Maria Claret, quixo celebrar este aniversario ao grande.
«Convidamos a usuarios e familiares do Hospital de Día, e celebramos a verbena de San Xoán con pica-pica e cocas. Os usuarios estiveran ensaiando durante uns meses un concerto en formato coral, que tivo lugar ese día, e tamén compartimos a importancia de poder asistir ao Hospital de Día, bailamos e pasamos un día especial», lembra Alba Corredera. Da importancia á que alude esta neuropsicóloga do Hospital de Día dan fe os comentarios dalgunhas das persoas usuarias.
«O Hospital de Día para min é a paz e a calma para o meu mal xenio, a tranquilidade para os meus nervios, a enerxía para o meu cansazo, a risa, os prantos, as miradas cómplices de comprensión aos teus problemas, a estabilidade emocional. Por riba de todo, os compañeiros e compañeiras e a asistencia que recibimos por parte do Equipo do Hospital de Día», explica unha delas.
Para outra, este servizo é como «un fogar onde sentirte entendido ao momento, onde non hai que levar a‘máscara’de estar mal para que se dean conta os demais, onde sandar non só as feridas físicas, senón tamén as máis fondas», mentres que, para outro usuario, acudir ao Hospital de Día supuxo unha‘liberación’.
«Síntome comprendido ao estar con outras persoas coa mesma patoloxía ca min. Aumentei a potencia da miña voz grazas á logopeda e cos exercicios da fisio que fago aquí e logo practico na casa. En definitiva, foime moi ben, aumentei a miña autoestima e teño máis claras as miñas limitacións», comenta este usuario.
As súas referencias son excelentes, pero en que consiste exactamente este servizo?
Asistencia multidisciplinar en réxime diúrno
«O Hospital de Día de Hestia Palau está destinado ao tratamento ambulatorio de persoas con dano ou disfunción cerebral que presentan deterioración cognitiva, conductual, emocional ou alteracións motrices e/ou da fala. Trátase dunha asistencia multidisciplinar en réxime diúrno que permite dar tratamento de tipo rehabilitador, estimulativo e preventivo, considerando as necesidades de cada doente. Non só ofrece un servizo de rehabilitación integral para o paciente, senón tamén soporte e orientación para os seus familiares e/ou coidadores», detalla Corredera.
Na actualidade, o Hospital de Día de Hestia Palau conta con 40 prazas concertadas co Servizo Catalán de Saúde, que son atendidas por un equipo especializado, formado por unha médico xeriatra, dous neuropsicólogas, unha logopeda, unha fisioterapeuta, unha terapeuta ocupacional e dous auxiliares de enfermería. Deste xeito, garántese que o tratamento se realiza desde esa vertente interdisciplinar á que aludía Corredera, ofrecendo intervención neuropsicolóxica, logopédica, de fisioterapia e de terapia ocupacional, apoiada pola intervención médica e persoal de enfermería.
Para esta profesional de Hestia Palau, a abordaxe que se realiza desde este recurso implica tratamentos non farmacolóxicos que «ofrecen un seguimento terapéutico especializado e continuo, mantendo a persoa na súa contorna social e no seu núcleo familiar» e teñen como obxectivo principal «mellorar, manter ou previr as alteracións cognitivas, motoras, emocionais e conductuais».
«A grandes liñas, poderiamos dicir que o Hospital de Día é importante para fomentar o benestar emocional e o contacto social das e dos pacientes, promover a súa autonomía, previr a sobrecarga do coidador ou da coidadora, favorecer a inclusión dos e das familiares no proceso terapéutico e mellorar a dinámica familiar e/ou ambiental, facilitando a adaptación aos déficits e a aceptación emocional das perdas», conclúe Corredera.
Sen comentarios