05 Mai Profesionais de enfermería e obstetricia, protagonistas do Día Mundial da Hixiene de Mans no medio da pandemia
Fiel á súa cita, aínda que no medio da pandemia do coronavirus SARS-CoV-2, chega o Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebra este ano baixo o lema “Profesionais de enfermería e matronas, a atención limpa está nas vosas mans”. A xornada pretende recoñecer o labor fundamental que desenvolven todos os profesionais sanitarios e non sanitarios na atención aos enfermos da COVID-19, e reforzar esta práctica sanitaria como factor clave na prevención da transmisión de infeccións, tamén deste coronavirus, e a función capital que teñen os profesionais da enfermería e as matronas para conseguilo.
Neste senso, quíxose lembrar que na asistencia sanitaria que prestan os profesionais da saúde é imprescindible executar a hixiene de mans no momento axeitado, e mediante a técnica e a duración correctas: durante 20-30 segundos se se fai con preparado de base alcohólica e durante 40-60 segundos no caso de facela con auga e xabón. A Organización Mundial da Saúde, impulsora desta xornada, outorga un grao de evidencia máxima a esta práctica sobre a que se está a incidir especialmente desde que comezou o avance da pandemia.
As autoridades sanitarias insistiron no papel fundamental da cidadanía na loita contra a transmisión das infeccións –e agora mesmo en especial contra a COVID-19, mediante o lavado de mans, práctica que se debe integrar nos seus hábitos frecuentes e cotiáns, posto que o coronavirus SARS-CoV-2 se propaga principalmente por contacto directo coas secrecións respiratorias que se xeran ao falar, coa tose ou co espirro dunha persoa enferma, e o contaxio pode minimizarse lavando as mans con frecuencia, tapando a boca con panos desbotables ou co cóbado ao tusir e espirrar, mantendo unha distancia de seguridade co resto das persoas (mínimo de 1,5 a 2 metros) e co uso adecuado das máscaras.
Sen comentarios