22 Mai ‘Cartas que acompañan’: unha nova iniciativa do Hospital de Día de Hestia Duran i Reynals
O Hospital de Día de Enfermidades Neurolóxicas de Hestia Duran i Reynals é o artífice de “Cartas que acompañan”, unha iniciativa para aliviar o illamento e o malestar emocional provocado pola pandemia do SARS-CoV-2. “A situación de alarma sanitaria que provocou a Covid-19 levou a que nos hospitais se vivise unha realidade até agora descoñecida. As restricións en canto ás visitas de familiares e amigos, así como as limitacións de contacto por parte dos profesionais sanitarios, fixo que se incrementase o malestar e o impacto emocional que supón para moitas persoas estar ingresadas nun hospital nestes momentos. Desta maneira, detectamos que moitos pacientes teñen elevados sentimentos de soidade, frustración, tristeza e aburrimento”, explica Nadia Rodríguez, coordinadora e neuropsicóloga adxunta do Hospital de Día.
Por iso, desde este dispositivo de Hestia Duran i Reynals, pensaron que sería positivo para as persoas que están ingresadas nestes momentos no hospital catalán, recibir mensaxes de apoio e ánimo desde o exterior, o que ten un duplo resultado positivo, posto que mellora o estado anímico desas persoas, ademais de ter “un beneficio terapéutico para os pacientes do Hospital de Día, xa que dalgunha maneira proporcionan tamén a súa axuda nesta pandemia”, remarcan. Deste xeito, os usuarios do Hospital de Día convértense nuns “carteiros” moi especiais e fan chegar ao seu destino os textos que se recibiron, sexan cartas, poemas, contos…
O gran de area das persoas con dano ou disfunción cerebral
O Hospital de Día Hestia Duran i Reynals atende a persoas con dano ou disfunción cerebral (esclerose múltiple, enfermidade de Huntington, Parkinson, ictus, tumores, etcétera) e na actualidade, e tras case trece anos en funcionamento, continúa a súa actividade terapéutica cos pacientes e cos seus familiares, adaptando os seus programas de tratamento neurorehabilitadores a través de vías telemáticas para axeitarse ás restricións do estado de alarma.
Ademais, a súa iniciativa “Cartas que acompañan” encaixa perfectamente nas estratexias deseñadas por Hestia Alliance para mellorar a comunicación durante a pandemia, posto que contribúe a paliar a falta de acompañamento familiar e permite a pacientes, usuarios e profesionais pór o seu gran de area na xestión da situación. Outros centros do Grupo desenvolveron iniciativas semellantes, que contaron coa colaboración de diferentes organizacións, como a Garda Civil de Menorca, ademais de editar vídeos de apoio, que podes ver na nosa canle de YouTube (https://www.youtube.com/channel/UChElpsf085AE-8_TDE9N-ww)
Sen comentarios