17 Xuñ Consellos para minimizar os problemas de saúde provocados por temperaturas excesivamente altas.
A primeira vaga de calor da tempada é un bo momento para lembrar unha serie de recomendacións tendentes a minimizar os danos na saúde provocados polas temperaturas extremadas. Segundo lembrou o Ministerio de Sanidade, que mantén activo o Plan Nacional de actuacións preventivas fronte aos efectos do exceso de temperatura, a calor excesiva pode alterar as funcións vitais cando o organismo é incapaz de compensar as variacións de temperatura corporal e pode provocar problemas como a insolación ou o golpe de calor, ou mesmo agravar patoloxías previas existentes.
As persoas maiores, as mulleres xestantes, os menores e enfermos crónicos, así como aquelas persoas que traballan ou realizan esforzos ao aire libre, son os grupos máis vulnerables a estes episodios de temperaturas excesivas ante os que é conveniente observar este decálogo de recomendacións xerais:
- Beber auga e líquidos con frecuencia, aínda que non sinta sede e con independencia da actividade física que se realice.
- Evitar as bebidas con cafeína, alcol ou moi azucradas, xa que poden favorecer a deshidratación.
- Prestar especial atención a bebés e nenos e nenas pequenas, embarazadas ou nais lactantes, así como a persoas maiores ou con enfermidades que poidan agravarse coa calor (como as enfermidades cardíacas, renais, diabete, hipertensión, obesidade, cancro, patoloxías que dificultan a mobilidade, demencia e outras enfermidades mentais, así como o abuso de drogas ou alcol).
- Permanecer o maior tempo posible en lugares frescos, á sombra ou climatizados e refrescarse cada vez que que sexa necesario.
- Reducir a actividade física e evitar realizar deportes ao aire libre nas horas centrais do día.
- Usar roupa lixeira, folgada e que deixe transpirar.
- Non deixar nunca a ningunha persoa nun vehículo estacionado e pechado (especialmente a persoas menores de idade, maiores ou con enfermidades crónicas).
- Consultar aos profesionais sanitarios ante síntomas que se prolonguen máis dunha hora e que poidan estar relacionados coas altas temperaturas.
- Manter as medicinas nun lugar fresco; a calor pode alterar a súa composición e os seus efectos.
- Facer comidas lixeiras que axuden a repoñer os sales perdidos pola suor (ensaladas, froitas, verduras, zumes, etc.).
Toda a información relativa ao Plan Nacional, así como a información sobre os niveis de risco, pode atoparse na páxina web do Ministerio de Sanidade (https://www.sanidad.gob.es/excesoTemperaturas2022/consultar.do).
Sen comentarios