08 Nov En marcha, o IV Concurso de Postais Do Nadal do Grupo Hestia
Grupo Hestia anticipa o Nadal. Por cuarto ano consecutivo, a nadaliña corporativa elaborarase con base nun deseño seleccionado entre os que presenten os pacientes e usuarios de centros do grupo. Para participar só hai que presentar, antes do 10 de decembro, un debuxo tamaño cuartilla, en vertical ou horizontal, con motivo do Nadal e elaborado usando ceras, lapis de cores, rotulador ou acuarelas.
Os servizos de Terapia Ocupacional e Animación de diferentes centros xa están a dinamizar a participación e serán os seus profesionais, xunto coas xerencias, os encargados de seleccionar os deseños que pasarán á final do concurso. Entre todos os finalistas elixirase un, que servirá para confeccionar unha postal coa que Hestia Alliance e Fundación Hestia felicitarán as próximas festas a persoal, colaboradores, usuarios e familiares.
Esta iniciativa apóiase na implicación dos profesionais dos centros e na colaboración das persoas que están ingresadas ou son usuarias de diferentes unidades, e contribúe á consolidación do modelo de atención integrada e centrada nas persoas que segue o Grupo. En anteriores edicións, resultaron gañadoras María Luz Soler, do Hospital de Día de Hestia Palau; Montserrat Vives, de Hestia Maresme e Laia Rodríguez, da Unidade de Saúde Mental de Hestia Duran i Reynals.
Premendo aquí podes acceder ás bases e á autorización
Sen comentarios