26 Abr Hestia Alliance ofrece pautas para mellorar a xestión emocional da pandemia
Dentro da adaptación dos protocolos que Hestia Alliance levou a cabo para mellorar a súa resposta asistencial ante a pandemia ocasionada pola Covid-19, as pautas para mellorar a xestión emocional foron un dos puntos clave. O equipo de Psicoloxía do Grupo elaborou unha serie de consellos para contribuír a que o medo ao coronavirus e a sensación de soidade e illamento derivada do confinamento non se convertan nun problema engadido nesta situación excepcional:
- Evitar tanto o exceso de información coma a desinformación. É aconsellable concentrarse en saber da enfermidade como máximo unha vez ao día e, preferiblemente, a través da prensa escrita. Canto máis se adía a información, mellor; pero sen que iso implique evitala completamente.
- Relaxarse e exercitar distraccións (películas, series, concertos on-line, libros…).
- Evitar falar constantemente do tema. O pánico xera máis pánico.
- Atentos a tentar non pensar. Unha recomendación eficaz, que pode beneficiar a toda a poboación, sen contraindicación ningunha, é a técnica do “pénsoo despois”. Consiste en afrontar as dúbidas ou pensamentos negativos coma se lles fixeses unha foto –non unha película–, dicindo “pénsoo despois” para aprazar o máximo posible pensar sobre eles, bloqueando a procura dunha resposta ou proba que asegure o futuro, posto que este é incerto e aceptar esta incerteza evita a dúbida patolóxica.
- Fuxir do exceso de evitacións, precaucións e prevencións para atallar a sobreprecaución ou o sobrecontrol, que non fan senón alimentar pensamentos negativos e que poden ter consecuencias desastrosas, como non acudir a un centro sanitario en caso de necesidade, lavarse de forma compulsiva ou levar a máscara sen fundamento.
- Non illarse, manterse en contacto coa familia e amizades.
- Manter as rutinas diarias e facer vida normal na medida do posible.
- Recoñecer os propios sentimentos e aceptalos, e se se necesita, compartilos con persoas próximas ou escribir un diario.
- Asumir os pequenos riscos da vida, o que implica aceptar o medo e ter valor para seguir coa túa vida cotiá.
- Aceptar que hai unha parte da situación que non depende de ti e non poderás controlar nin prever.
Sen comentarios