O dragón chinés de Residencia Hestia Esquerdo

O dragón chinés de Residencia Hestia Esquerdo

Compartido e cunha chiscadela á cultura oriental. Así “ruxiu”o Entroido en Residencia Hestia Esquerdo, a Mini Residencia, onde os usuarios dedicaron os talleres das semanas previas á celebración do Entroido a confeccionar un espectacular dragón co que disfrazarse na súa festa do luns 20 de febreiro. Cartón, tea, tesoiras, pinceis, cores, horas e traballo en grupo quedaron plasmados nun dragón que, tal e como destacan desde a Mini, é moito máis que un disfrace.

“É importante incorporar na residencia as celebracións e eventos da vida cotiá como medio para estarmos conectados co mundo que nos rodea, manternos activos e compartir espazos de distensión e lecer coas persoas coas que convivimos», explica Elena Moreno. A directora de RHE salienta, así mesmo, que aproveitar estes momentos “supón unha motivación para eles, tanto durante a realización dos obradoiros coma na celebración propiamente dita”.

O Entroido, o Día Internacional da Muller ou as festas de Aluche, barrio madrileño limítrofe coa Mini, son algúns dos eventos e celebracións aos que se refire Moreno, que serven de punto de partida do amplo programa de actividades que desenvolve este recurso integrado na Red de Atención Social a Personas con Enfermedad Mental da Comunidade de Madrid, xestionado por Hestia Alliance co obxectivo de favorecer o proceso terapéutico dos seus residentes e loitar contra o estigma que padecen.

Sen comentarios

Publicar un comentario